| Inicio > | El Colegio > | Historia |





O que hoxe coñecemos como Colexio Manuel Peleteiro comeza a forxarse a finais dos anos corenta gracias ó apoio dunha serie de familias santiaguesas preocupadas pola educación que os seus fillos recibían daquela. Estes pais contrataran a Xesús Pereira, un mestre inmensamente preocupado pola docencia, para que dirixira a chamada Preceptoría San Xosé, un centro no que se impartía o que equivaldría á nosa Educación Primaria actual: Primeira Ensinanza e Preparatoria de Ingreso.
Daquela, Manuel Peleteiro era un mestre, licenciado en Ciencias Químicas e Farmacia, que non chegaba ós trinta anos de idade pero que amosaba grandes dotes para a docencia. Así o demostraba cada día nun laboratorio sito na praza de Cervantes, no que axudaba ós estudiantes universitarios composteláns cos seus traballos.
Foi polo talento académico e profesional de don Manuel que os promotores da devandita Preceptoría lle suxeriron que se fixera cargo da dirección dun centro de ensinanza secundaria, que se integraría coa Preceptoría San Xosé.
Desta maneira nacería a Academia Minerva, recoñecida como colexio polo Ministerio de Educación Nacional no ano 1951. En cuestión de cinco anos, o colexio fundado polo xove Manuel Peleteiro, co respaldo laboral e persoal da súa dona Dolores Ramos, era xa toda unha institución de importante prestixo local e mesmo rexional. Dende entón pasaron xa cincuenta anos.
Dende o principio, o proxecto educativo plantexado polo xove director estivo ben claro tanto na súa mente coma na práctica. Un prestixioso equipo de profesores avalaba o éxito co seu esforzo e co seu apoio á dirección. Entre eles, nomes como Benito Varela Jácome, Francisco Río Barja, Ángel Rodríguez, Carlos Criado, ou Emilio Dopico, Virgilio Moure e Laureano Otero, que dedicaron practicamente a súa vida ó colexio. En equipo, o colexio Minerva perseguía a formación integral do alumno co fin último de formar persoas que souberan saír adiante na vida polos seus propios medios. Manuel Peleteiro quixo educar ás futuras xeracións de galegos para eleva-lo lo status cultural do seu país, porque confiaba nas posibilidades de Galicia e das súas xentes. Educaba polo compromiso que sentía cos seus alumnos, e porque vía na educación un medio para o seu denvolvemento como persoas.
Dende a fundación do colexio no ano 1951 o incremento no número de demandas amosouse vertixinoso. Dos corenta alumnos matriculados neste ano, pasouse ós catrocentos do curso 55-56. Foi o principio dunha constante que se prolongaría ata os nosos días.
A insuficiencia das infraestructuras do local de Xeneral Pardiñas facíase patente ano a ano. O urxente traslado efectúase en outubro do ano 1957, en que se impartiría o primeiro curso no actual edificio da República Arxentina. O novo edificio tiña capacidade para 800 alumnos, 150 deles internos. O Minerva era xa unha institución de prestixo e referencia obrigada no mundo da educación.
O éxito do centro continuou ata 1965. As actividades complementarias de formación cultural do alumno que se viñan desenvolvendo desde os primeiros anos aséntanse nesta etapa: Masa Coral, Escolanía Infantil, grupos de Teatro, aula de pintura, conferencias impartidas para e polos alumnos, proxeccións de documentais científicos solicitados ás embaixadas, excursións e visitas didácticas, actividades deportivas.
A revista "Vamos" é testemuña desta intensa vida colexial. Ademais as súas páxinas recollen artigos de Ramón Piñeiro, Alonso Montero, Benito Varela Jácome, Francisco Río Barja...; poemas inéditos de Manuel María; a homenaxe dos alumnos a D. Ramón Cabanillas días despois da súa morte en Novembro de 1959...
Revelábase entón como un colexio privado de marcado espírito progresista.
Deuse tamén un importante pulo ás excursións de final de curso: no 58 ten lugar a primeira saída ó estranxeiro (non sendo Portugal), visítase a Exposición Universal en Bruxelsas. Nos seguintes anos, en tendas de campaña, París, Roma, o muro de Berlín, Lisboa, Londres...
Nestes anos son protagonistas fundamentais da docencia e da vida do colexio profesores como Emilio Dopico, Virxilio Moure, Santiago Besada, Laureano Otero, Avelino Abuín, Eduardo Varela Pol, Ligia Mejuto, Albino Cobo, Constantino Arnoso, Carmen Gozalo, Juan e Genaro Cebrián... e mestres coma Maquica García Pereira, Juan Tobío, Domingo Codesido, Marisa Jiménez, Mª. Teresa Mato, Ramón Valladares..., que deixaron un profundo recordo docente e humán nos que foron seus alumnos.
Como colofón, neste periodo nace outro dos eventos que institucionalizarían definitivamente ó colexio. En 1963 créanse os Xogos Florais, para alumnos de Ensino Medio de Galicia, antecesores dos actuais Premios Literarios Minerva, que xurden por iniciativa do alumnado, que quere dar saída á súa expresión literaria en galego, e co impulso do profesor Avelino Abuín de Tembra. Desde as primeiras edicións destacouse pola relevancia literaria dos seus participantes, tanto no papel de mantenedores ou xurado (Álvaro Cunqueiro inaugura unha nómina na que tamén figuran Carballo Calero, Modesto Rodríguez Figueiredo...), como polos concursantes. Xa nestes primeiros anos acadan premios Lois Diéguez, Fernando Ónega, ou Ánxeles Penas. Nas sucesivas edicións ó longo da súa historia faríano Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade, Anxo A. Rey Ballesteros, Manuel Guede, Suso de Toro, Xavier Queipo, Xosé A.Neira Cruz, Rafa Villar, entre outros.



Pero o ano 1965 antoxouse nefasto na historia do colexio, coa morte temprana do seu fundador, Manuel Peleteiro Yrago. Tódolos sectores da cidade se fixeron eco dunha dor que levaría, quizais contra todo prognóstico, a sacar adiante se cadra con máis ahínco o soño dun home, ante todo educador, que morrera a medio camiño da súa historia, ós corenta e cinco anos de idade.
A raíz da morte de don Manuel, a súa dona, Dolores Ramos fíxose cargo da dirección do colexio e de tódolos seus proxectos.
Creouse o “Curso Monográfico Manuel Peleteiro”, que a partir de entón profundizou cada ano en distintos aspectos do país e nos seus problemas. Amosábase esta a maneira máis eficaz de asociar permanentemente a figura de Peleteiro á preocupación e sentimento por Galicia. O obxectivo do curso era, en definitiva, levar ó ánimo dos estudiantes de ensinanza media o sentimento do idioma e aprenderlles a pensar que estaba na súa man resolver os problemas que se lle presentaban a Galicia. Nos distintos cursos participaron persoeiros coma Otero Pedraio, Martínez Risco, López Nogueira, Manuel María, Xosé Manuel Beiras, Franco Grande...
Ademais, o colexio deixou de chamarse Minerva para dar paso a unha nova etapa de homenaxe ó seu fundador: no curso 67-68 nace o Colexio Manuel Peleteiro.
O impulso da nova directora, continuando as directrices marcadas polo seu home na labor educativa, fixo que o colexio non só mantivera a súa elevada posición, senón que seguira o seu crecimento.
Acompañan á directora, poñendo toda a ilusión e esforzo nesta tarefa, xunto a súa man dereita o subdirector Manuel Paz, os profesores que xa foran pilares básicos das primeiras épocas, ós que se engaden outros de entrañable recordo: Atilano Pereira, Manuel Pose, Ramón Feros, Teodosio Diez, Manuel Ramos, Manuel Quintáns, Celso López Octavio, Javier Bescansa...
No ano 1968 o traballo educativo do colexio vese complementado pola adquisición de novos terreos, nos que hoxe se ubica o complexo deportivo de Montouto. Peleteiro ten dende entón dúas sedes de ensinanza: a académica, situada no que xa é pleno centro do ensanche compostelán; e a deportiva, que se entende como complemento imprescindible da formación do alumno.
Os anos 70 defínense por ser unha década de gran preocupación pedagóxica na historia do centro debido á implantación da Lei Xeral de Educación, que instaura a EXB, BUP e COU.
Tal preocupación, paralela á que hoxe se vive coa implantación da LOGSE, viuse reflectida en toda a actividade colexial. Procurouse que os profesores exerceran a súa función educativa dentro e fóra das aulas. É o momento da implantación das titorías, da formación plena dos seminarios docentes, de asistencia a numerosos cursos de formación.
A reglamentación por cursos da E.X.B. supón tamén a incorporación de moitos xoves mestres, que hoxe son xa parte moi importante da nosa "pequena" historia: José Noya, Carmen López, Manuel Regueira, Machús Díaz, José Ares, Marisa Romar, Trinidad Fernández, Elena Pazo, Rosario Jerez, Rosa Reinoso, José Luis Vázquez...
E mentras todo esto ocorría, baixo o control de Manuel Paz (que se fixo cargo da dirección do colexio durante estes anos, a causa de problemas de saúde de dona Dolores), á lista de actividades complementarias ás académicas se lle seguían engadindo outras novas: fúndase a Tuna Minerva e no 1973 o Clube de Baloncesto Manuel Peleteiro (que hoxe ten 700 alumnos federados en distintas modalidades deportivas, e unha importante lista de éxitos acadados: o equipo senior de baloncesto proclamaráse no 83 campión de España de 2ª División, e xogará varias temporadas na liga EBA). Ademais, nos 70 nacen tamén o grupo de folclore galego Xente Nova (baile galego e gaitas), e a aula de fotografía, e institucionalízanse as actividades lúdico-didácticas dos sábados (pintura, modelado, deportes, teatro, cine...).
Por outra parte, coordinados por D. Ramón Feros, comezan a realizarse cursos de verán en Inglaterra, un programa gracias ó cal o colexio móstrase como un dos pioneiros en España no impulso á ensinanza de idiomas.






O cambio da sociedade española que se fai patente a partir do ano 1975 déixase ver no talante do colexio. Os anos 80 amósanse como a proba máxima da adaptación ó cambio.
Asimilado xa perfectamente ó novo sistema educativo da EXB, BUP e COU, de xeito paulatino vaise incorporando o alumnado feminino nos distintos cursos (o 1981 sería o ano de entrada da primeira promoción mixta que se formou integramente no centro).
Constitúese no 83 o primeiro curso bilingüe para os máis pequenos, proba do valor que se lle dá ó estudio de idiomas estranxeiros, en especial, como o demostra o caso, do inglés. Prolongación desta idea serían os cursos de verán de inglés promovidos a partir de entón no propio centro. Hoxe a importancia concedida ós idiomas devengou na ensinanza doutras linguas igualmente imprescindibles nesta nova vida europea: o alemán e o francés. Precisamente nesta liña organízanse cada ano intercambios escolares co país veciño, Francia, e dende este ano 2001, tamén a Alemaña.
A asociación de pais participa plenamente na promoción de eventos. E a revista Vamos imprégnase de reportaxes de estricta actualidade, opinión, memoria das múltiples actividades escolares e entrevistas ás persoalidades máis relevantes da sociedade galega.
O labor directivo de dona Dolores Ramos, baseado na dedicación e o cariño ós alumnos, nunha concepción humanística da educación no seu sentido máis ético, vese recompensada por unha resposta permanentemente positiva en pais e alumnos e pola concesión en 1979 do Lazo de Alfonso X o Sabio, distinción outorgada pola S.M. el Rey D. Juan Carlos.
Esta metade da dirección máis entrañable do centro morre no ano 1988, deixando como herencia un inmenso espírito de sensibilidade, entrega e rectitude.
Baixo a dirección dos fillos os obxectivos educativos mantéñense na liña anterior, se cadra con matices máis profesionais ca sentimentais. Esta última etapa preséntase como continuadora dunha formación intelectual seria e completa, coa ansia de forxar hábitos e actitudes de respecto, convivencia e esforzo na personalidade dos alumnos.
Quizais a nota característica desta última etapa aínda vixente do colexio Peleteiro estribe na modernidade. Así o amosou a evolución do centro, que estreou etapa coa inauguración do pavillón polideportivo de Montouto, no 1989, equipado para respostar a tódalas necesidades deportivas dos que xa son preto de 2000 alumnos. Instalacións, actividades, e equipamento vense impregnados dun afán de superación que en ningún caso abandoa o proxecto educativo básico imbuido polo fundador corenta anos antes.
Igual reto supuxo a construcción do Centro Dolores Ramos, de educación infantil, inaugurado no 1993. Ubícase na rúa Santiago León de Caracas cunha nota principal: a innovación nos seus interiores. O mundo en pequeno, perfectamente equipado coas máis modernas instalacións e medios, faise realidade para educar ós máis pequenos alumnos do centro.
A nova década avanza conforme ó impulso dun novo reto: o fomento total das actividades de extensión cultural. Un bo número de conferencias, concertos, saídas didácticas e actividades complementarias coa filosofía de abrir posibilidades culturais que resposten ás inquietudes dos alumnos, ou mesmo lles axuden a vislumbrar ó seu futuro profesional. Abrirse ás inquietudes culturais e abrirlles camiños ante a vida ós rapaces.
Conferencias e Xornadas buscan a cobertura de todo un abano cultural. Ó colexio achegaránse persoalidades de tódolos ámbitos. A primeira, recén estreada a década, Miguel Delibes. Literariamente seguiranlle Torrente Ballester, no 94, e máis tarde Neira Vilas no 98, Martín Garzo, Anisia Miranda ou Fernández Paz.
A Xeografía e a Historia, cine, xornalismo televisivo e de prensa, meteoroloxía, deportes, filosofía, antropoloxía... serven coma mostra da variedade dun aspecto educativo que culmina coa visita no 99 do ex-presidente do goberno Leopoldo Calvo Sotelo, e a xornalista e escritora Victoria Prego, como parte dunhas xornadas sobre a Transición Española.
Enténdese que é importante respostar ás novas necesidades e ás características da nova mocidade, e as actividades dirixidas ós rapaces son tamén consecuencias desta idea (problemas da adolescencia, de insertación na sociedade, dificultades de comunicación na familia, etc).
A música coidarase na sensibilidade dos alumnos coa visita de agrupacións relacionadas con tódolos estilos: desde formacións clásicas ata Jazz, Combo, etc. Hai un tempo de concertos paralelo ó tempo de conferencias.
As saídas didácticas gozarán dunha atención especial, xa desde a Educación Infantil, coa intención de poñer a nenos e xoves en relación co seu medio.
Fanse habituais nesta época todo tipo de proxectos: peregrinacións nos anos santos das que participa a totalidade do centro, reencontros entre promocións de alumnos que comezan a cumpri-las súas vodas de prata, excursións ó estranxeiro para os estudiantes de COU, intercambios culturais con estudiantes doutros países, viaxes de estudio no verán, Campus de Baloncesto para menores de toda Galicia, etc.
Como complemento, toda a labor educativa veráse complementada por unha lista de máis de vinte actividades extraescolares onde escoller.
Intercambios escolares con Francia e Alemaña, Semana e ciclos de charlas de Orientación Universitaria e Profesional, preparación para a obtención dos diplomas da Universidade de Cambridge, certame literario decano en Galicia, importantes ciclos de concertos didácticos, a Asociación Deportiva Manuel Peleteiro, a revista Vamos fundada no 1948, a Escuela autorizada de Música (conservatorio de grao elemental), como variada mostra, deixan ver o que é o colexio Manuel Peleteiro hoxe en día.
Desde os primeiros Premios Extraordinarios de Bacharelato obtidos nos anos 1951 e 1952 polo falecido maxistrado Daniel García Ramos e polo penalista Gonzalo Rodríguez Mourullo, máis de setenta alumnos alcanzaron este galardón ó longo destes 50 anos. Seis deles foron Premios Nacionais.
Desde a fundación da "Olimpiada Matemática", pola real Sociedade Matemática Española, en 1964, dazanove alumnos deste Centro obtiveron premios neste certame, e entre eles cinco Medallas de Ouro Nacionais.
Na "Olimpiada Química" promovida polo Colexio Oficial de Químicos en 1980, vinteseis alumnos foron galardoados.
Na "Olimpiada de Física", que organizan as Facultades de Ciencias Físicas de todas as universidades españolas, desde 1991 tódos os Primeiros Premios da Universidade de Santiago foron acadados polos nosos alumnos.
Nestes certames científicos, alumnos do Colexio Peleteiro levaron o nome de Santiago e Galicia a competicións internacionais en Toronto e Santiago de Chile (Ángel Paredes Galán); Seul e Caracas (Carlos Gómez Rodríguez) ou Bucarest e La Habana (Javier Mújica de Rivera). Toda esta historia de ilusións, esforzos e realidades fan ver o que foi e o que é o Colexio M. Peleteiro.